xoves, 22 de outubro de 2015

CESE DA XUNTA DIRECTIVA


Na tarde de hoxe tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria desta ANPA, na que a Xunta Directiva informou da súa decisión de cesar dos seus cargos. Reproducimos o texto lido ós socios presentes explicando os motivos que nos levaron a tomar esta determinación.
Atoparémonos alí onde se defenda o ensino público e de calidade!

O presente curso 2015-2016 iniciouse condicionado, polo que á actividade da ANPA se refire, por dúas circunstancias que poderiamos definir como extraordinarias e que xeraron unha serie de conflitos nos que nos vimos implicados a comunidade educativa en xeral e a Administración da Xunta de Galicia. Falamos, por unha banda, da problemática xurdida pola implantación do Fondo Solidario de préstamo de libros da Xunta e, por outra, do recorte de profesorado no CEIP Recimil.
No tocante á primeira cuestión, esta ANPA mantivo a postura acordada en Asemblea pola Federación de ANPAS de Ferrolterra, e refrendada en asemblea desta asociación, de non colaborar nesta iniciativa, e así se tentou transmitir a todos os implicados, incluida a dirección do centro. Mais a pesares disto, produciuse o reparto sen autorización dunha serie de libros pertencentes ó banco que anteriormente xestionaba esta asociación, e que a dirección xustificou cun suposto mal entendido, coa consecuente reclamación de devolución e o compresible malestar das familias afectadas. Parece ser que se nos acusou de non querer prestar eses libros, cando non existe ningún interese pola nosa parte en retelos, máis aló do acordo mencionado anteriormente e de que a xestión do Fondo Solidario é unha competencia da administración.
En segundo lugar atopámonos coa circunstancia, xa coñecida por todos, da non cobertura de dúas prazas de mestra que afectaban ó ciclo de educación infantil. Como resumo do acontecido ó respecto, recordamos que esta situación provocou a xuntanza dos nenos de 4 anos nunha soa aula, unha medida que foi revocada tralas primeiras protestas por parte dos pais, pero que significou a xuntanza posterior dos nenos de 3 anos. A partires de aquí xurdiron unha serie de contactos cos pais afectados e coa dirección do centro, que deron paso a diferentes actos de protesta e mobilizacións que finalizaron cunha entrevista co Xefe Territorial de Educación. En todo este tempo reivindicamos a necesidade de cobertura destas prazas en atención ás especiais circunstancias do noso colexio, tanto pola súa contorna socioeconómica como polas características do seu alumnado, que non mudaron dende o curso pasado, polo que consideramos estes recortes inxustificados. Como é sabido, ata o de agora non se obtiveron os resultados desexados polos pais.
Chegados a este punto, consideramos necesario explicar a postura mantida pola dirección do CEIP Recimil, dende o noso coñecemento, en relación a este asunto, por entender que é fundamental para unha mellor comprensión dos feitos acontecidos neste último mes e as súas consecuencias.
Nun primeiro momento a dirección non considerou necesario comunicar ás familias directamente afectadas a situación na que quedaban os grupos de infantil tras os recortes. Ante as reclamacións por esta actitude manifestou ter actuado de xeito adecuado, dando traslado ós órganos do colexio, afirmando que o faría igual se fora necesario e que a comunicación a través das mestras e da ANPA era suficiente. Mais o contacto coas mestras fíxose a nivel particular, sen chegar a todas as familias, e a ANPA a esas alturas do curso non ten capacidade de comunicarse coas mesmas. Porén, si convocou de urxencia as familias dos nenos de 3 anos para o día anterior ó inicio das clases.
Manifestou ás familias que actuaría polas súas canles para a reclamación da cobertura das vacantes, pero o certo é que posteriormente admitiu non ter feito ningunha xestión unha vez iniciadas as clases. Pola contra, a mensaxe a nivel particular era de normalidade de funcionamento do centro e de non necesitar máis profesorado.
Non apoiou de forma expresa ós pais nas súas mobilizacións e a partires dun certo momento tentou disuadilos para que estas cesaran. Finalmente, na última reunión que tivemos coa dirección, despois da entrevista co Xefe Territorial de educación, solicitouse a fin das mobilizacións e acusouse ás familias de estar a danar ó colexio proxectando unha mala imaxe do mesmo; de que pola nosa actuación habería familias que non matricularían ós seus fillos no Recimil e de que lle estabamos a dar argumentos á administración para facer máis recortes.
Promoveu a prohibición do reparto de circulares informativas sobre os recortes e as medidas adoptadas polas familias polos medios do centro, tal e como se fai con calquera outra información. Lembramos que isto mesmo aconteceu o curso pasado en relación á revalida de 3º de primaria.
En definitiva, non nos sentimos apoiados pola dirección nas nosas reivindicacións e non aceptamos que se nos acuse de prexudicar ó colexio co noso intento de defender os dereitos dos nosos fillos. Non aceptamos que se tente condicionar a nosa actuación: a ANPA é unha asociación independente e autónoma e que se debe ós pais, que foron os que decidiron libremente iniciar as mobilizacións. Non entendemos o seguidismo que se fai dende a dirección do colexio ás políticas de recortes da administración, nin a postura supostamente unánime do claustro de profesores, que considera que o colexio non necesita máis profesorado, contradicindo o expresado no proxecto educativo do centro.
Por todos estes motivos, a relación entre a dirección do CEIP Recimil e a directiva da ANPA atópase nunha situación de deterioro tal, que nos convence da imposibilidade de traballar de forma conxunta nun futuro inmediato sen traizoar ós nosos principios de defensa dunha escola pública de calidade, polo que os membros desta Xunta Directiva tomamos a decisión de renunciar ós nosos cargos e iniciar o procedemento para a elección dunha nova Xunta Directiva.
Continuaremos a loitar pola defensa do ensino público dentro das nosas posibilidades, naqueles foros nos que poidamos ser útiles e amosámonos dispostos a colaborar con todos os que consideren que podemos aportar algo a esta causa.
Cremos que é necesaria unha reflexión por parte de todos os integrantes da comunidade educativa, familias, mestres e dirección do centro, ó respecto do papel que estamos a xogar cada un neste conflito e da responsabilidade de cada quen na aceptación ou non dunhas medidas que inciden no deterioro da educación que están a recibir os alumnos do CEIP Recimil.


En Ferrol, a 22 de outubro de 2015


Lorena Dapena Merlán, Inés López Pita, Elena Rivas Amieiro, Francisco Rodríguez Pereira.

xoves, 8 de outubro de 2015


MOITÍSIMAS GRAZAS, ESTAMOS IMPRESIONADOS!!

En pouco máis dunha semana, e a falta do reconto definitivo, temos acadado MÁIS DE 1200 SINATURAS contra os recortes no CEIP Recimil. Grazas a todos os que colaboráchedes na recollida, a todas as persoas que asinaron e todos os que axudáchedes a difundir esta campaña. Mañá, 9 de outubro, presentarémolas en A Coruña, na "visita" que lle faremos o señor Xefe Territorial D. Indalecio Cabana. Animámosvos a vir con nós: sairemos ás 9:15 do CEIP Recimil.
Grazas de novo!