martes, 17 de novembro de 2015

A DIRECCIÓN DO CEIP RECIMIL SOLICITA UNHA RECTIFICACIÓN PUBLICA DO DIRECTOR XERAL DE CENTROS.

A dirección do CEIP Recimil ven de difundir o comunicado que reproducimos de seguido. Esta ANPA tamén exixe a rectificación dos falsos argumentos expostos polo Director Xeral ós que se refire este comunicado, ós que engadimos os falsos motivos da dimisión da anterior xunta directiva desta ANPA: as verdadeiras razóns poden consultarse neste blog.

"Agradecería a difusión da seguinte información:

A Dirección do Ceip Recimil quere DESMENTIR publicamente as palabras do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos como resposta á pregunta plantexada polo BNG na Comisión do Parlamento 4ª de Educación e Cultura do día 12/11/2015 ás 16:12 horas.

Neste Centro e ata este curso escolar 2015/2016 contábamos con 6 titores e dous profesores de apoio na etapa de educación infantil. Neste curso vémonos obrigados a unir dúas unidades xa que non se cubren dúas prazas provisionais, unha por xubilación e outra en comisión de servizos quedando entón 5 titores e 1 profesor de apoio.

O Sr Director Xeral, en dúas ocasións afirma que o Centro conta con 7 profesores en educación infantil, cando en realidade temos 6.

Afirma igualmente que a Dirección concordou en conxunto coa Administración a supresión dunha unidade en educación infantil sendo isto totalmente incerto xa que a Dirección en ningún momento estivo nin está de acordo con esa decisión aínda que acata a decisión da Administración e organiza a etapa de infantil con eses 6 profesores quedando da seguinte maneira: 3 anos con 22 alumnos, 4 anos A con 13, 4 anos B con 12, 5 anos A con 20 e 5 anos B con 18 alumnos.

Esta Dirección, desminte igualmente, que o Claustro de profesores apoiara a decisión da Administración cando o que este apoiou por unanimidade foi a xestión feita pola Dirección cos recursos dispoñibles.

Solicitamos do Director Xeral unha rectificación pública da información dada na Comisión do Parlamento 4ª de Educación e Cultura do día 12/11/2015.

O EQUIPO DIRECTIVO"

xoves, 22 de outubro de 2015

CESE DA XUNTA DIRECTIVA


Na tarde de hoxe tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria desta ANPA, na que a Xunta Directiva informou da súa decisión de cesar dos seus cargos. Reproducimos o texto lido ós socios presentes explicando os motivos que nos levaron a tomar esta determinación.
Atoparémonos alí onde se defenda o ensino público e de calidade!

O presente curso 2015-2016 iniciouse condicionado, polo que á actividade da ANPA se refire, por dúas circunstancias que poderiamos definir como extraordinarias e que xeraron unha serie de conflitos nos que nos vimos implicados a comunidade educativa en xeral e a Administración da Xunta de Galicia. Falamos, por unha banda, da problemática xurdida pola implantación do Fondo Solidario de préstamo de libros da Xunta e, por outra, do recorte de profesorado no CEIP Recimil.
No tocante á primeira cuestión, esta ANPA mantivo a postura acordada en Asemblea pola Federación de ANPAS de Ferrolterra, e refrendada en asemblea desta asociación, de non colaborar nesta iniciativa, e así se tentou transmitir a todos os implicados, incluida a dirección do centro. Mais a pesares disto, produciuse o reparto sen autorización dunha serie de libros pertencentes ó banco que anteriormente xestionaba esta asociación, e que a dirección xustificou cun suposto mal entendido, coa consecuente reclamación de devolución e o compresible malestar das familias afectadas. Parece ser que se nos acusou de non querer prestar eses libros, cando non existe ningún interese pola nosa parte en retelos, máis aló do acordo mencionado anteriormente e de que a xestión do Fondo Solidario é unha competencia da administración.
En segundo lugar atopámonos coa circunstancia, xa coñecida por todos, da non cobertura de dúas prazas de mestra que afectaban ó ciclo de educación infantil. Como resumo do acontecido ó respecto, recordamos que esta situación provocou a xuntanza dos nenos de 4 anos nunha soa aula, unha medida que foi revocada tralas primeiras protestas por parte dos pais, pero que significou a xuntanza posterior dos nenos de 3 anos. A partires de aquí xurdiron unha serie de contactos cos pais afectados e coa dirección do centro, que deron paso a diferentes actos de protesta e mobilizacións que finalizaron cunha entrevista co Xefe Territorial de Educación. En todo este tempo reivindicamos a necesidade de cobertura destas prazas en atención ás especiais circunstancias do noso colexio, tanto pola súa contorna socioeconómica como polas características do seu alumnado, que non mudaron dende o curso pasado, polo que consideramos estes recortes inxustificados. Como é sabido, ata o de agora non se obtiveron os resultados desexados polos pais.
Chegados a este punto, consideramos necesario explicar a postura mantida pola dirección do CEIP Recimil, dende o noso coñecemento, en relación a este asunto, por entender que é fundamental para unha mellor comprensión dos feitos acontecidos neste último mes e as súas consecuencias.
Nun primeiro momento a dirección non considerou necesario comunicar ás familias directamente afectadas a situación na que quedaban os grupos de infantil tras os recortes. Ante as reclamacións por esta actitude manifestou ter actuado de xeito adecuado, dando traslado ós órganos do colexio, afirmando que o faría igual se fora necesario e que a comunicación a través das mestras e da ANPA era suficiente. Mais o contacto coas mestras fíxose a nivel particular, sen chegar a todas as familias, e a ANPA a esas alturas do curso non ten capacidade de comunicarse coas mesmas. Porén, si convocou de urxencia as familias dos nenos de 3 anos para o día anterior ó inicio das clases.
Manifestou ás familias que actuaría polas súas canles para a reclamación da cobertura das vacantes, pero o certo é que posteriormente admitiu non ter feito ningunha xestión unha vez iniciadas as clases. Pola contra, a mensaxe a nivel particular era de normalidade de funcionamento do centro e de non necesitar máis profesorado.
Non apoiou de forma expresa ós pais nas súas mobilizacións e a partires dun certo momento tentou disuadilos para que estas cesaran. Finalmente, na última reunión que tivemos coa dirección, despois da entrevista co Xefe Territorial de educación, solicitouse a fin das mobilizacións e acusouse ás familias de estar a danar ó colexio proxectando unha mala imaxe do mesmo; de que pola nosa actuación habería familias que non matricularían ós seus fillos no Recimil e de que lle estabamos a dar argumentos á administración para facer máis recortes.
Promoveu a prohibición do reparto de circulares informativas sobre os recortes e as medidas adoptadas polas familias polos medios do centro, tal e como se fai con calquera outra información. Lembramos que isto mesmo aconteceu o curso pasado en relación á revalida de 3º de primaria.
En definitiva, non nos sentimos apoiados pola dirección nas nosas reivindicacións e non aceptamos que se nos acuse de prexudicar ó colexio co noso intento de defender os dereitos dos nosos fillos. Non aceptamos que se tente condicionar a nosa actuación: a ANPA é unha asociación independente e autónoma e que se debe ós pais, que foron os que decidiron libremente iniciar as mobilizacións. Non entendemos o seguidismo que se fai dende a dirección do colexio ás políticas de recortes da administración, nin a postura supostamente unánime do claustro de profesores, que considera que o colexio non necesita máis profesorado, contradicindo o expresado no proxecto educativo do centro.
Por todos estes motivos, a relación entre a dirección do CEIP Recimil e a directiva da ANPA atópase nunha situación de deterioro tal, que nos convence da imposibilidade de traballar de forma conxunta nun futuro inmediato sen traizoar ós nosos principios de defensa dunha escola pública de calidade, polo que os membros desta Xunta Directiva tomamos a decisión de renunciar ós nosos cargos e iniciar o procedemento para a elección dunha nova Xunta Directiva.
Continuaremos a loitar pola defensa do ensino público dentro das nosas posibilidades, naqueles foros nos que poidamos ser útiles e amosámonos dispostos a colaborar con todos os que consideren que podemos aportar algo a esta causa.
Cremos que é necesaria unha reflexión por parte de todos os integrantes da comunidade educativa, familias, mestres e dirección do centro, ó respecto do papel que estamos a xogar cada un neste conflito e da responsabilidade de cada quen na aceptación ou non dunhas medidas que inciden no deterioro da educación que están a recibir os alumnos do CEIP Recimil.


En Ferrol, a 22 de outubro de 2015


Lorena Dapena Merlán, Inés López Pita, Elena Rivas Amieiro, Francisco Rodríguez Pereira.

xoves, 8 de outubro de 2015


MOITÍSIMAS GRAZAS, ESTAMOS IMPRESIONADOS!!

En pouco máis dunha semana, e a falta do reconto definitivo, temos acadado MÁIS DE 1200 SINATURAS contra os recortes no CEIP Recimil. Grazas a todos os que colaboráchedes na recollida, a todas as persoas que asinaron e todos os que axudáchedes a difundir esta campaña. Mañá, 9 de outubro, presentarémolas en A Coruña, na "visita" que lle faremos o señor Xefe Territorial D. Indalecio Cabana. Animámosvos a vir con nós: sairemos ás 9:15 do CEIP Recimil.
Grazas de novo!

luns, 28 de setembro de 2015

ACTIVIDADES GRATUÍTAS NA AULA DE ECOLOXÍA URBANA


Un ano máis a Aula de Ecoloxía Urbana ofrece a posibilidade de asistir ás actividades que levarán a cabo ó longo do curso e que xiran ó redor do coidado do medio dende as cidades. Estas abranguen dende a realización de manualidades aproveitando residuos, xogos con contido ambiental ou mesmo unha obra de teatro que achegue mensaxes de respecto polo medio.
O horario das actividades será :
MARTES de 16:30 a 17:45 h: 1º, 2º e 3º de primaria.
MÉRCORES de 16:30 a 17:45 h: 4º, 5º e 6º de primaria.

Os interesados poderedes apuntarvos no local da ANPA o XOVES 1 E VENRES 2 de outubro, en horario de 9:15 a 9:45 h. As solicitudes achegaranse por estricta orde de chegada.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS EN CONTRA DOS RECORTES NOS CEIP RECIMIL

O vindeiro mércores, ás 9:30 horas, os pais e nais afectados polos recortes educativos dirixirémonos ó edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde presentaremos por rexistro escritos individuais solicitando que o Xefe Territorial de Educación, D. Indalecio Cabanas, se reúna cos nosos representantes de forma urxente, antes do día 9 de outubro. Ó mesmo tempo presentaremos escrito dirixido ó Sr. Conselleiro de Educación, D. Román Rodríguez, explicándolle a realidade da problemática xurdida no noso colexio e exixindo a anulación das decisións tomadas.

Por outra banda, en breve poremos follas de recollida de sinaturas a disposición de todo aquel que queira manifestar o seu rexeitamento a estas medidas e o seu apoio ás nosas reivindicacións. Estas follas estarán dispoñibles no local da ANPA e en diversos establecementos colaboradores. 
Animámosvos á unión e colaboración entre todos!

venres, 25 de setembro de 2015


E isto é o que temos que dicir ó respecto:

Os argumentos do Conselleiro fannos pensar que descoñece a realidade do noso colexio e do seu entorno, xa que non son máis que xeneralidades valeiras de referencias concretas ó caso aludido.
Lembrar novamente que os recortes afectan a dúas prazas de mestra (unha titora e unha mestra de apoio) e á supresión dunha unidade en 4º de Educación Infantil (3 anos).
Temos serias dúbidas da existencia dos supostos “informes técnicos e obxectivos” nos que di se “fundamentan” estas decisións, máis alá da famosa ratio de alumnos por aula, tendo en conta que no mes de xullo a previsión para o inicio do presente curso era manter as mesmas condicións tanto no número de profesores coma de unidades e que esta previsión foi modificada a poucos días do inicio do curso aproveitando a xubilación dunha mestra, deixando de cubrir a praza vacante, en liña coa política seguida pola Xunta de Galicia nos últimos anos de non repoñer as xubilacións, e a maiores outra praza de comisión de servizos. Descoñecemos tamén a existencia de informe algún no que se avalíen as circunstancias relativas ós alumnos con discapacidades que requiren atención especial. E si existen, as decisións adoptadas van totalmente en contra dos intereses dos nenos afectados.
 Por outra banda, na reunión mantida polo Concelleiro de Educación de Ferrol co Xefe Territorial de Educación, este non foi quen de explicar por que co mesmo número de matrículas en tres anos no curso anterior mantivéronse as dúas liñas e non se suprimiron mestres.
Afirma o Conselleiro que a “cuestións concretas se lles da solución dentro dos parámetros normativos”, polo que temos que deducir que neses parámetros non se contempla a atención ós nenos con necesidades especiais xa que neste sentido non se aportou ningunha solución.
Ante a manifestación de que en Recimil non se tomaron decisións arbitrarias, recordamos que nun primeiro momento a decisión de suprimir unha unidade afectaba ós nenos de 4 anos e que esta decisión foi revocada pola presión dos pais nun só día, sen ningún tipo de argumentación nin alteración nas circunstancias, a dous días do inicio do curso.
Dende esta ANPA reiteramos a esixencia de cobertura das dúas prazas de mestre vacantes e a recuperación das dúas unidades en 4º de Educación Infantil e anunciamos novas mobilizacións para denunciar estes recortes nos vindeiros días.

venres, 18 de setembro de 2015

INTERVENCIÓN NO PLENO MUNICIPAL DENUNCIANDO OS RECORTES DE PROFESORADO NO CEIP RECIMIL

Na mañá de hoxe aprobouse a moción presentada polo BNG en contra dos recortes de profesorado no noso colexio, e apoiando as nosas reclamacións neste sentido.
Agracecemos o voto favorable dos grupos municipais do BNG,  FeC, PSOE e Cidadáns e lamentamos profundamente a actitude insensible e despectiva dos membros do grupo do PP que, baseándose nun defecto formal, decidiron non intervir no debate da moción, abandonando algúns deles a sala.
Na súa intervención o Concelleiro de Educación informou da súa próxima reunión, o día 23, co Xefe Territorial de Educación para falar deste tema.
A continuación transcribimos a intervención da presidenta da ANPA ante o Pleno do Concello:

"Sr. Alcande, Srs. e Sras. Concelleiras:
En primeiro lugar lamentar a decisión dos membros do Partido Popular neste debate, pois entendemos que representan a un importante número de familias de Ferrol que seguramente tamén están preocupados pola educación dos nenos da nosa cidade.
Os pais de alumnos do CEIP Recimil queremos agradecerlles a oportunidade que nos brindan para espoñer neste foro as nosas inquedanzas con respecto a educación dos nosos fillos, por mor das recentes decisións adoptadas pola Consellería de Educación que afectan ó noso centro.
Como xa saberán, a poucos días do inicio do curso fomos alertados da supresión dunha unidade de Educación infantil e da non cobertura de dúas prazas de mestre neste mesmo ciclo. A pesares dos requerimentos por parte dos pais dunha explicación dos motivos das medidas adoptadas, non recibimos máis xustificación que o cumplimento das ratios legalmente establecidas. Entendemos que estas decisións son incongruentes e arbitrarias por varios motivos:
No curso pasado, co mesmo número de matrículas, permitiuse a existencia de dúas unidades no curso de 3 anos, así como en anteriores cursos con matrícula similares.
A decisión de unificar dous grupos afectaba nunha primeira decisión ós nenos de 4 anos; esa decisión foi revocada ante a presión exercida polos pais dos nenos afectados, o que supuxo automaticamente o agrupamento das unidades de 3 anos. Isto evidencia a carencia absoluta de argumentos pedagóxicos, educativos ou de calquera outra natureza que non sexa a económica.
Temos constancia da existencia no noso concello dalgún colexio concertado ó que se lle permite o mantemento das dúas unidades de 3 anos, tendo un número de matrículas por debaixo desas ratios e que, con toda seguridade, non sufren as problemáticas que podemos atopar no noso colexio.
A limitación de prazas nos grupos dificulta a capacidade de incorporación de novo alumnado que sistemáticamente se produce todos os anos no CEIP Recimil, o que pode chegar a ocasionar un perxuizo a máis nenos dos agora implicados.
Por outra banda, temos que lembrar que o CEIP Recimil é referente na nosa cidade pola súa labor social, de integración cultural e promoción da convivencia, que lle fixo merecedor do recoñecemento como Ferrolán do Ano 2014. É lóxico pensar que a súa localización nun barrio cun importante número de famlias con diversas problemáticas deste tipo, das que se nutre en boa medida o alumnado do centro, determina que esta labor seguirá sendo necesaria no futuro polo que será imprescindible poder contar cos recursos humanos, axeitados e suficientes.
A un nivel de maior concreción, encontrámonos coas seguintes situacións:
As dúas unidades de 5 anos deste curso contaban no anterior coa dedicación, case exclusiva, das dúas profesoras de apoio de Educación infantil, debido as importantes problemáticas habidas no grupo e que continúan existindo na actualidade. Neste curso contaremos cunha soa profesora de apoio para as 5 unidades do ciclo, é dicir, unha profesora de apoio para 80 alumos a día de hoxe.
Entre estes alumnos atopámonos con varios casos de nenos con discapacidades recoñecidas que non poderán contar coa atención especializada que merecen. Especialmente significativo é o caso dos nenos de 3 anos, agrupados nunha única unidade dous días antes do inicio do curso, que xa conta coas dificultades propias dun grupo de 22 nenos destas idades, e no que está presente algún destes casos.
Temos que pensar tamén nas implicacións que estes recortes terán para as mestras de Educación infatil á hora de exercer o seu labor, obrigadas a unha sobrecarga de traballo dificilmente asumilible e, aínda que confiamos plenamente na súa profesionalidade e non dubidamos de que farán o maior esforzo posible para tentar que os nosos nenos estean atendidos da mellor maneira, entendemos que as carencias e os problemas serán inevitables. Situacións deste tipo provocan sentimentos de estrés, frustación, desánimo e desencanto ante a imposibilidade de acadar os obxectivos marcados, ós que nós somos sensibles.
Para rematar, quixera aproveitar esta ocasión para felicitar ós pais e nais do CEIP Recimil pola súa actitude loitadora e valente e pola súa capacidade de manterse unidos nunha situación tan difícil como esta. Quixera tamén agradecer ás institucións e medios de comunicación que están a apoiarnos nesta complicada tarefa e solicitar ó Concello de Ferrol que se sume tamén á nosa causa, brindando o seu apoio institucional a estas reclamacións que consideramos de xustiza: por unha ensinanza pública de calidade e polos nenos e nenas do Recimil.
Moitas grazas."