mércores, 11 de xuño de 2014

Xoves 12 de xuño ás 16:30 horas, concentración diante da sede do Consello Escolar de Galiza (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela)

A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, da que esta ANPA forma parte , ten convocada una concentración para esixir a non aplicación da LOMCE


Este é o comunicado de prensa: 

PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO 


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca
unha concentración diante da sede do Consello Escolar de
Galiza para reclamar a paralización dos currículos da LOMCE


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca este xoves
12 de xuño unha concentración diante da sede do Consello Escolar de
Galiza, ás 16:30 h.


Ese día está prevista a reunión do Consello para tratar o currículo da FP Básica
que o Goberno prevé implantar o vindeiro curso escolar. A Plataforma
concéntrase para expresar a súa oposición á LOMCE e esixir a paralización da
súa aplicación, en concreto dos currículos das etapas que pretenden que
entren en vigor o vindeiro curso escolar: FP Básica e primaria, pois estamos
ante uns currículos baseados en principios mercantilistas e academicistas, que
se afastan da nosa realidade cultural e histórica, impregnados de ideoloxía
neoliberal, dos que se desterra a educación en valores, se profunda na
confesionalidade do ensino e se pretende ateigar o alumnado de contidos
inalcanzábeis.

Desde a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público valoramos que a
Consellaría está actuando con precipitación e improvisación, para pregarse aos
ditados do Goberno central. A Plataforma Galega que demanda que non se
aplique a LOMCE en Galiza, considera que nas datas actuais só cabe o
adiamento destes proxectos de decreto, pois moi dificilmente van estar
preparados para seren utilizados polo profesorado no inicio do curso, momento
en que teñen que elaborar as programacións.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG,
CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil Galega, Federación Provincial de ANPA
de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de
ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS),
Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Agir, Sindicato de
Estudantes, BNG, Galiza Nova e a Federación de ANPA de Ponteareas
(FANPO).

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2014


Ningún comentario:

Publicar un comentario