venres, 4 de setembro de 2015

Recortes de profesorado no CEIP Recimil

A menos dunha semana do inicio do curso 2015-2016, os pais dos alumnos de 5º de Educación Infantil reciben a noticia da supresión de dous mestres neste ciclo educativo, coa consecuencia da reunificación dos alumnos nunha única aula. Esta decisión é rexeitada polos pais dos alumnos afectados,  polo que decidiron organizarse para levar a cabo as iniciativas reivindicativas que consideren oportunas. 
A continuación reproducimos o escrito aprobado nesa reunión para ser difundido e remitido as autoridades implicadas, e que dende a dirección desta ANPA apoiamos.

"Os país e nais de alumnos do CEIP Recimil de Ferrol queremos manifestar o noso absoluto rexeitamento á decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de non proceder á cobertura de dúas prazas de mestre de educación infantil vacantes neste centro. Esta decisión, que soamente pode xustificarse sobre a base de criterios puramente económicos, ten como consecuencia a reunificación de dúas clases de educación infantil nunha soa, o que por si mesmo supoñerá unha importante mingua na calidade da atención que recibirán estes alumnos, co agravante de que, ademais, non poderán contar co correspondente docente de apoio. Esta decisión tamén supón un ataque directo ó proxecto educativo do Centro, obrigando ó cambio de titora a metade dos nenos e nenas afectados, en contra dos criterios do Colexio nos que nos baseamos os país e nais para escoller este centro educativo. A todo isto súmase que o CEIP Recimil é un centro cunha grande diversidade de alumnado, o que supón a necesidade de dispor duns recursos e persoal, que xa eran insuficientes con anterioridade a esta decisión, agravándose agora esta situación.
Ponse de manifesto, unha vez máis, que os criterios pedagóxicos, educativos e emocionais son secundarios á hora de tomar decisións que afectan de xeito tan transcendente ós nosos fillos, así como o absoluto desprezo á opinión de pais, nais e docentes, que se reflicte na forma e os tempos utilizados, e na falta absoluta de transparencia sobre este procedemento, xa que en ningún momento fomos convocados para sermos informados do mesmo.
Por todo o manifestado, esiximos a inmediata cobertura das dúas vacantes mencionadas, para poder garantir así o dereito dos nosos fillos a unha educación pública de calidade, reservándonos a posibilidade de levar a cabo todas aquelas reclamacións e movilizacións que consideremos oportunas ata a resolución desta problemática da forma máis convinte para os intereses dos nosos fillos."

Ningún comentario:

Publicar un comentario