xoves, 10 de setembro de 2015

Seguimos loitando contra o recorte de profesorado.


Trala decisión da Xefatura Territorial de Educación de revogar a decisión de agrupamento das dúas unidades de 5º de Educación Infantil do noso colexio, pero impoñendo que o devandito agrupamento se realice en 4º curso, os pais e nais do CEIP Recimil reiteramos o noso rexeitamento a estas medidas como solución ao conflito xurdido a consecuencia da supresión de dúas prazas docentes neste ciclo.

2º Manifesto contra os recortes de profesorado no CEIP Recimil

Os pais e nais de alumnos do CEIP Recimil queremos manifestar que, aínda considerando axeitada a decisión de revocar o acordo de agrupar ós alumnos de 5º de Educación Infantil nunha soa unidade, non aceptamos esta medida como resolución do conflito xurdido como consecuencia da supresión de dous docentes neste ciclo. Reiteramos a nosa esixencia de cobertura das dúas prazas vacantes, imprescindibles para que os nosos fillos reciban a atención necesaria.
Rexeitamos tamén que a devandita decisión supoña que o grupo agora unificado é o de 4º de Educación Infantil e, polo tanto, esiximos a restitución das unidades o seu estado anterior, dúas por curso. Entendemos que non hai argumentos que xustifiquen o recorte nos recursos asignados ó noso colexio, xa que as súas especiais circunstancias de diversidade de alumnado non variaron no presente curso.
Non admitimos a utilización da ratio de alumnos por aula como único argumento xustificativo destes recortes e a utilización dunha norma de máximos como si fora de mínimos, masificando as aulas sen ter en conta as características do alumnado e as súas necesidades especiais. Non aceptamos que se trate os nosos fillos como simples números.

Queremos manifestar tamén o noso total apoio ó profesorado do CEIP Recimil, vítimas tamén destas carencias de medios para o adecuado desenrolo da súa actividade y que tanto dificultan a súa labor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario