venres, 20 de novembro de 2015

Nova Xunta Directiva.-

PRESENTACIÓN DA NOVA XUNTA DIRECTIVA

E DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS

  
  Esta asociación vén de renovar a súa Xunta Directiva mediante acordo tomado en Asemblea Xeral Extraordinaria, quedando os seus cargos distribuídos como segue:
 Presidente: Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
 Secretario: Antonio Manuel Bermúdez Porto
 Tesoureiro: Roberto Martín Dopico
 Vocais: Estefanía Doce Fernández, Susana Fernández Pereira, Begoña Parra Vara, Elena Rivas Amieiro, Inés López Pita, Francisco Rodríguez Pereira e Lorena Dapena Merlán.
  Con esta renovación, que conleva un importante aumento no número de membros da Directiva, a Asemblea certifica a súa vontade de reforzar este órgano, co obxectivo de dar continuidade á loita na defensa dos intereses das familias do CEIP Recimil, do ensino público de calidade e en contra dos recortes de profesorado sufridos no noso colexio.
  Neste senso, queremos comunicar que esta ANPA adhírese a exixencia de rectificación das declaracións feitas polo Director Xeral de Centros da Xunta de Galicia en Comisión Parlamentaria, manifestada tanto pola Dirección como polo Claustro de profesores do CEIP Recimil. Aos argumentos xa desmentidos por estes dous órganos, queremos engadir, no que respecta á nosa asociación, que a dimisión da anterior xunta directiva non ten nada que ver cunha suposta “discrepancia con todo o profesorado polas reclamacións” que vimos facendo até o de agora. Temos que aclarar que a Consellería non contactou en ningún momento con esta ANPA para coñecer os motivos reais desta decisión, información que, por outra banda, fíxose pública no seu momento, tanto a través dos medios de comunicación coma das redes sociais pola propia directiva.
    Polo todo isto, esta Xunta Directiva quere manifestar o seguinte:
- Esta ANPA é unha entidade independente e vai continuar reclamando a unidade de 3 anos suprimida e a cobertura das dúas prazas de mestre vacantes, advertindo que non imos tolerar ningunha intromisión nas nosas decisións internas.
- Nas nosas reivindicacións contamos co apoio da Federación de ANPASs de Ferrolterra, así como de diferentes agrupacións políticas e sindicais de nosa cidade e cun amplo respaldo social (recordamos as 1.800 sinaturas recollidas en contra dos recortes e o acordo do Pleno do Concello de Ferrol).
- A ANPA Recimil reitera o seu rexeitamento ás medidas de recorte aplicadas pola Consellería de Educación e consideramos unha obriga reivindicar por todos os medios a defensa do Ensino Público de calidade e universal.

 
- Anpa Recimil .-

Ningún comentario:

Publicar un comentario