martes, 1 de decembro de 2015

CONCURSO DE IDEAS PARA o LOGOTIPO da ANPA RECIMIL

Ampliamos o prazo ata finais de xaneiro do 2016!

Co obxecto de deseñar un logotipo para a ANPA Recimil, convocamos este concurso de ideas entre o alumnado do CEIP Recimil e que se rexerá polas seguintes
BASES:
- Poderá participar todo o alumnado do CEIP Recimil, en colaboración coas súas familias.
- O deseño do logotipo presentarase en cartolina branca formato DIN-4, e deberá integrar o texto “ANPA Recimil”.
- O nome, apelidos e curso do participante ten que indicarse no reverso do deseño.
- Os participantes deixarán as súas propostas no local da ANPA (luns e xoves de 9:15 a 9:45 horas).
- O último día de recollida será o martes 15 de decembro.
- O 18 de decembro farase entrega do premio ó gañador.
- O xurado estará formado por un representante da ANPA, un representante dos pais e unha persoa externa ó colexio.
- Para a seleción da idea gañadora o xurado valorará, máis que a calidade artística das propostas, o reflexo de valores relacionados coa participación das familias na educación, en particular os que fagan referencia as características propias do noso centro: a integración, multiculturalidade, defensa do ensino público, etc.
- Baseándose na idea gañadora a ANPA realizará o deseño final do logotipo, coa finalidade de adaptalo ó seu uso: documentación da Asociación, selo, deseño gráfico, produtos pormocionais, etc.
Premio:
Consistirá nun vale de 50 euros para a adquisición de material de papelería e libraría na Libraría Cortizas.
Recibide os nosos mellores saúdos... e sorte!

¡¡Ampliado o prazo de presentación ata o 29 de xaneiro!!

A Xunta Directiva

venres, 20 de novembro de 2015

Nova Xunta Directiva.-

PRESENTACIÓN DA NOVA XUNTA DIRECTIVA

E DECLARACIÓN DE PRINCIPIOS

  
  Esta asociación vén de renovar a súa Xunta Directiva mediante acordo tomado en Asemblea Xeral Extraordinaria, quedando os seus cargos distribuídos como segue:
 Presidente: Xosé Manuel Sanxoán Caamaño
 Secretario: Antonio Manuel Bermúdez Porto
 Tesoureiro: Roberto Martín Dopico
 Vocais: Estefanía Doce Fernández, Susana Fernández Pereira, Begoña Parra Vara, Elena Rivas Amieiro, Inés López Pita, Francisco Rodríguez Pereira e Lorena Dapena Merlán.
  Con esta renovación, que conleva un importante aumento no número de membros da Directiva, a Asemblea certifica a súa vontade de reforzar este órgano, co obxectivo de dar continuidade á loita na defensa dos intereses das familias do CEIP Recimil, do ensino público de calidade e en contra dos recortes de profesorado sufridos no noso colexio.
  Neste senso, queremos comunicar que esta ANPA adhírese a exixencia de rectificación das declaracións feitas polo Director Xeral de Centros da Xunta de Galicia en Comisión Parlamentaria, manifestada tanto pola Dirección como polo Claustro de profesores do CEIP Recimil. Aos argumentos xa desmentidos por estes dous órganos, queremos engadir, no que respecta á nosa asociación, que a dimisión da anterior xunta directiva non ten nada que ver cunha suposta “discrepancia con todo o profesorado polas reclamacións” que vimos facendo até o de agora. Temos que aclarar que a Consellería non contactou en ningún momento con esta ANPA para coñecer os motivos reais desta decisión, información que, por outra banda, fíxose pública no seu momento, tanto a través dos medios de comunicación coma das redes sociais pola propia directiva.
    Polo todo isto, esta Xunta Directiva quere manifestar o seguinte:
- Esta ANPA é unha entidade independente e vai continuar reclamando a unidade de 3 anos suprimida e a cobertura das dúas prazas de mestre vacantes, advertindo que non imos tolerar ningunha intromisión nas nosas decisións internas.
- Nas nosas reivindicacións contamos co apoio da Federación de ANPASs de Ferrolterra, así como de diferentes agrupacións políticas e sindicais de nosa cidade e cun amplo respaldo social (recordamos as 1.800 sinaturas recollidas en contra dos recortes e o acordo do Pleno do Concello de Ferrol).
- A ANPA Recimil reitera o seu rexeitamento ás medidas de recorte aplicadas pola Consellería de Educación e consideramos unha obriga reivindicar por todos os medios a defensa do Ensino Público de calidade e universal.

 
- Anpa Recimil .-

martes, 17 de novembro de 2015

A DIRECCIÓN DO CEIP RECIMIL SOLICITA UNHA RECTIFICACIÓN PUBLICA DO DIRECTOR XERAL DE CENTROS.

A dirección do CEIP Recimil ven de difundir o comunicado que reproducimos de seguido. Esta ANPA tamén exixe a rectificación dos falsos argumentos expostos polo Director Xeral ós que se refire este comunicado, ós que engadimos os falsos motivos da dimisión da anterior xunta directiva desta ANPA: as verdadeiras razóns poden consultarse neste blog.

"Agradecería a difusión da seguinte información:

A Dirección do Ceip Recimil quere DESMENTIR publicamente as palabras do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos como resposta á pregunta plantexada polo BNG na Comisión do Parlamento 4ª de Educación e Cultura do día 12/11/2015 ás 16:12 horas.

Neste Centro e ata este curso escolar 2015/2016 contábamos con 6 titores e dous profesores de apoio na etapa de educación infantil. Neste curso vémonos obrigados a unir dúas unidades xa que non se cubren dúas prazas provisionais, unha por xubilación e outra en comisión de servizos quedando entón 5 titores e 1 profesor de apoio.

O Sr Director Xeral, en dúas ocasións afirma que o Centro conta con 7 profesores en educación infantil, cando en realidade temos 6.

Afirma igualmente que a Dirección concordou en conxunto coa Administración a supresión dunha unidade en educación infantil sendo isto totalmente incerto xa que a Dirección en ningún momento estivo nin está de acordo con esa decisión aínda que acata a decisión da Administración e organiza a etapa de infantil con eses 6 profesores quedando da seguinte maneira: 3 anos con 22 alumnos, 4 anos A con 13, 4 anos B con 12, 5 anos A con 20 e 5 anos B con 18 alumnos.

Esta Dirección, desminte igualmente, que o Claustro de profesores apoiara a decisión da Administración cando o que este apoiou por unanimidade foi a xestión feita pola Dirección cos recursos dispoñibles.

Solicitamos do Director Xeral unha rectificación pública da información dada na Comisión do Parlamento 4ª de Educación e Cultura do día 12/11/2015.

O EQUIPO DIRECTIVO"

xoves, 22 de outubro de 2015

CESE DA XUNTA DIRECTIVA


Na tarde de hoxe tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria desta ANPA, na que a Xunta Directiva informou da súa decisión de cesar dos seus cargos. Reproducimos o texto lido ós socios presentes explicando os motivos que nos levaron a tomar esta determinación.
Atoparémonos alí onde se defenda o ensino público e de calidade!

O presente curso 2015-2016 iniciouse condicionado, polo que á actividade da ANPA se refire, por dúas circunstancias que poderiamos definir como extraordinarias e que xeraron unha serie de conflitos nos que nos vimos implicados a comunidade educativa en xeral e a Administración da Xunta de Galicia. Falamos, por unha banda, da problemática xurdida pola implantación do Fondo Solidario de préstamo de libros da Xunta e, por outra, do recorte de profesorado no CEIP Recimil.
No tocante á primeira cuestión, esta ANPA mantivo a postura acordada en Asemblea pola Federación de ANPAS de Ferrolterra, e refrendada en asemblea desta asociación, de non colaborar nesta iniciativa, e así se tentou transmitir a todos os implicados, incluida a dirección do centro. Mais a pesares disto, produciuse o reparto sen autorización dunha serie de libros pertencentes ó banco que anteriormente xestionaba esta asociación, e que a dirección xustificou cun suposto mal entendido, coa consecuente reclamación de devolución e o compresible malestar das familias afectadas. Parece ser que se nos acusou de non querer prestar eses libros, cando non existe ningún interese pola nosa parte en retelos, máis aló do acordo mencionado anteriormente e de que a xestión do Fondo Solidario é unha competencia da administración.
En segundo lugar atopámonos coa circunstancia, xa coñecida por todos, da non cobertura de dúas prazas de mestra que afectaban ó ciclo de educación infantil. Como resumo do acontecido ó respecto, recordamos que esta situación provocou a xuntanza dos nenos de 4 anos nunha soa aula, unha medida que foi revocada tralas primeiras protestas por parte dos pais, pero que significou a xuntanza posterior dos nenos de 3 anos. A partires de aquí xurdiron unha serie de contactos cos pais afectados e coa dirección do centro, que deron paso a diferentes actos de protesta e mobilizacións que finalizaron cunha entrevista co Xefe Territorial de Educación. En todo este tempo reivindicamos a necesidade de cobertura destas prazas en atención ás especiais circunstancias do noso colexio, tanto pola súa contorna socioeconómica como polas características do seu alumnado, que non mudaron dende o curso pasado, polo que consideramos estes recortes inxustificados. Como é sabido, ata o de agora non se obtiveron os resultados desexados polos pais.
Chegados a este punto, consideramos necesario explicar a postura mantida pola dirección do CEIP Recimil, dende o noso coñecemento, en relación a este asunto, por entender que é fundamental para unha mellor comprensión dos feitos acontecidos neste último mes e as súas consecuencias.
Nun primeiro momento a dirección non considerou necesario comunicar ás familias directamente afectadas a situación na que quedaban os grupos de infantil tras os recortes. Ante as reclamacións por esta actitude manifestou ter actuado de xeito adecuado, dando traslado ós órganos do colexio, afirmando que o faría igual se fora necesario e que a comunicación a través das mestras e da ANPA era suficiente. Mais o contacto coas mestras fíxose a nivel particular, sen chegar a todas as familias, e a ANPA a esas alturas do curso non ten capacidade de comunicarse coas mesmas. Porén, si convocou de urxencia as familias dos nenos de 3 anos para o día anterior ó inicio das clases.
Manifestou ás familias que actuaría polas súas canles para a reclamación da cobertura das vacantes, pero o certo é que posteriormente admitiu non ter feito ningunha xestión unha vez iniciadas as clases. Pola contra, a mensaxe a nivel particular era de normalidade de funcionamento do centro e de non necesitar máis profesorado.
Non apoiou de forma expresa ós pais nas súas mobilizacións e a partires dun certo momento tentou disuadilos para que estas cesaran. Finalmente, na última reunión que tivemos coa dirección, despois da entrevista co Xefe Territorial de educación, solicitouse a fin das mobilizacións e acusouse ás familias de estar a danar ó colexio proxectando unha mala imaxe do mesmo; de que pola nosa actuación habería familias que non matricularían ós seus fillos no Recimil e de que lle estabamos a dar argumentos á administración para facer máis recortes.
Promoveu a prohibición do reparto de circulares informativas sobre os recortes e as medidas adoptadas polas familias polos medios do centro, tal e como se fai con calquera outra información. Lembramos que isto mesmo aconteceu o curso pasado en relación á revalida de 3º de primaria.
En definitiva, non nos sentimos apoiados pola dirección nas nosas reivindicacións e non aceptamos que se nos acuse de prexudicar ó colexio co noso intento de defender os dereitos dos nosos fillos. Non aceptamos que se tente condicionar a nosa actuación: a ANPA é unha asociación independente e autónoma e que se debe ós pais, que foron os que decidiron libremente iniciar as mobilizacións. Non entendemos o seguidismo que se fai dende a dirección do colexio ás políticas de recortes da administración, nin a postura supostamente unánime do claustro de profesores, que considera que o colexio non necesita máis profesorado, contradicindo o expresado no proxecto educativo do centro.
Por todos estes motivos, a relación entre a dirección do CEIP Recimil e a directiva da ANPA atópase nunha situación de deterioro tal, que nos convence da imposibilidade de traballar de forma conxunta nun futuro inmediato sen traizoar ós nosos principios de defensa dunha escola pública de calidade, polo que os membros desta Xunta Directiva tomamos a decisión de renunciar ós nosos cargos e iniciar o procedemento para a elección dunha nova Xunta Directiva.
Continuaremos a loitar pola defensa do ensino público dentro das nosas posibilidades, naqueles foros nos que poidamos ser útiles e amosámonos dispostos a colaborar con todos os que consideren que podemos aportar algo a esta causa.
Cremos que é necesaria unha reflexión por parte de todos os integrantes da comunidade educativa, familias, mestres e dirección do centro, ó respecto do papel que estamos a xogar cada un neste conflito e da responsabilidade de cada quen na aceptación ou non dunhas medidas que inciden no deterioro da educación que están a recibir os alumnos do CEIP Recimil.


En Ferrol, a 22 de outubro de 2015


Lorena Dapena Merlán, Inés López Pita, Elena Rivas Amieiro, Francisco Rodríguez Pereira.

xoves, 8 de outubro de 2015


MOITÍSIMAS GRAZAS, ESTAMOS IMPRESIONADOS!!

En pouco máis dunha semana, e a falta do reconto definitivo, temos acadado MÁIS DE 1200 SINATURAS contra os recortes no CEIP Recimil. Grazas a todos os que colaboráchedes na recollida, a todas as persoas que asinaron e todos os que axudáchedes a difundir esta campaña. Mañá, 9 de outubro, presentarémolas en A Coruña, na "visita" que lle faremos o señor Xefe Territorial D. Indalecio Cabana. Animámosvos a vir con nós: sairemos ás 9:15 do CEIP Recimil.
Grazas de novo!

luns, 28 de setembro de 2015

ACTIVIDADES GRATUÍTAS NA AULA DE ECOLOXÍA URBANA


Un ano máis a Aula de Ecoloxía Urbana ofrece a posibilidade de asistir ás actividades que levarán a cabo ó longo do curso e que xiran ó redor do coidado do medio dende as cidades. Estas abranguen dende a realización de manualidades aproveitando residuos, xogos con contido ambiental ou mesmo unha obra de teatro que achegue mensaxes de respecto polo medio.
O horario das actividades será :
MARTES de 16:30 a 17:45 h: 1º, 2º e 3º de primaria.
MÉRCORES de 16:30 a 17:45 h: 4º, 5º e 6º de primaria.

Os interesados poderedes apuntarvos no local da ANPA o XOVES 1 E VENRES 2 de outubro, en horario de 9:15 a 9:45 h. As solicitudes achegaranse por estricta orde de chegada.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS EN CONTRA DOS RECORTES NOS CEIP RECIMIL

O vindeiro mércores, ás 9:30 horas, os pais e nais afectados polos recortes educativos dirixirémonos ó edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde presentaremos por rexistro escritos individuais solicitando que o Xefe Territorial de Educación, D. Indalecio Cabanas, se reúna cos nosos representantes de forma urxente, antes do día 9 de outubro. Ó mesmo tempo presentaremos escrito dirixido ó Sr. Conselleiro de Educación, D. Román Rodríguez, explicándolle a realidade da problemática xurdida no noso colexio e exixindo a anulación das decisións tomadas.

Por outra banda, en breve poremos follas de recollida de sinaturas a disposición de todo aquel que queira manifestar o seu rexeitamento a estas medidas e o seu apoio ás nosas reivindicacións. Estas follas estarán dispoñibles no local da ANPA e en diversos establecementos colaboradores. 
Animámosvos á unión e colaboración entre todos!